Tuesday 30 de April de 2024

A Coruña abre a inscrición para participar nas xornadas gastronómicas “Lacónicas”


As VIII Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos celebraranse do 1 ao 26 de febreiro

Os establecementos de hostalería que queiran participar ofrecendo este prato tradicional galego poden apuntarse ata o día 31 de outubro

No mes de febreiro A Coruña celebrará as VIII Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos. Un total de 40 establecementos participarán nestas xornadas, que consisten en ofrecer un “menú tradicional”: unha proposta gastronómica clásica e popular de laconada, típico prato galego nesa época do ano. Xa está aberto o prazo para participar nestas xornadas, que finalizará o próximo día 31 de outubro.

A participación nestas xornadas é gratuíta. Os establecementos de hostalería que queiran participar deben presentar as solicitudes por correo electrónico a: xornadaslaconicas@gmail.com
Todos os locais deberán participar baixo o modelo de “Menú Lacónicas, Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos”. Cada un deles poderá participar cun único menú, que ha de estar elaborado principalmente con produtos galegos e quilómetro 0.

O menú deberá estar composto por primeiro prato (sopa ou similar), o prato principal (laconada) e sobremesa tradicional (filloas e/ou orellas), con bebida (auga, refrescos, cervexa, adega de denominación de orixe galega) e café. O prezo do menú estará entre os 20 e os 35 euros (iva incluído) por persoa.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.